Monday 13 de May de 2024

O grupo Allah-Las actúa este xoves no Centro Sociocultural Ágora dentro do ciclo Selección Sonora


O certame chega ao seu ecuador tras os concertos de Israel Fernández e Diego del Morao e Temples

As entradas están á venda en Ataquilla e no despacho de billetes da praza de Ourense

O grupo Allah-Las ofrecerá este xoves un concerto no Centro Sociocultural Ágora dentro do ciclo Selección Sonora, promovido polo Concello da Coruña. A actuación comezará ás 20.30 horas (apertura de portas ás 19.30 horas) e as entradas están á venda a través de Ataquilla e do despacho de billetes da praza de Ourense.

A historia de Allah-Las remóntase ao ano 2008, cando Mat, Spencer e Pedrum que traballaban xuntos en Amoeba Records, (a tenda de discos máis célebre en Los Ángeles), convértense en amigos e deciden formar unha banda grazas ao seu gusto polo rock psicodélico, o garaxe sesenteiro e o seu amor por California. A banda americana encárgase de explorar con cautela distintos horizontes sonoros e linguaxes musicais.

A actuación de Allah-Las é a terceira da primeira edición do ciclo Selección Sonora, polo que xa pasaron Israel Fernández e Diego del Morao (27 de abril) e Temples (16 de maio).
Os seguintes concertos serán os de Valeria Castro (30 de setembro) e The Sonics (6 de novembro). As entradas para estas actuacións xa están á venda en Ataquilla e no despacho de billetes da praza de Ourense.

Con este ciclo de actuacións o Goberno de Inés Rey busca fomentar a difusión cultural na cidade e potenciar os equipamentos municipais dos barrios, como é o Centro Sociocultural Ágora. O obxectivo da alcaldesa é recuperar o auditorio deste espazo como recinto de grandes actuacións, apostando por artistas de gran prestixio nacional e internacional.